Skip to main content
STG

Comezan nos campus de Santiago e Lugo os cursos de formación de titores

Está dirixido a alumnos de últimos anos de carreira para que orienten o vindeiro curso aos de novo ingreso no inicio da súa etapa universitaria

A vindeira semana comeza en Santiago e Lugo os cursos de formación dos titores que o próximo curso académico colaborarán na orientación e acompañamento dos estudantes de 1º dos distintos graos da USC, de acordo cos criterios fixados para os estudos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. Dende o luns 14 e ata o día 25 na Facultade de Farmacia de Santiago e dende o martes 15 e ata o día 28 na Facultade de Administración e Dirección de Lugo, estas xornadas formativas están dirixidas a alumnos de últimos anos de carreira, seleccionados previamente en función das solicitudes presentadas. O seu cometido será facilitar a inserción dos estudantes de novo ingreso na súa etapa universitaria. Impartidos por profesores e persoal de administración e servizos, nos cursos explicaráselles aos futuros titores acompañantes a organización e servizos que presta a Universidade compostelá, os programas de mobilidade dispoñibles para o estudantado, o funcionamento da administración e os seus trámites, programas de voluntariado ou a oferta de actividades deportivas ou culturais. Completando o programa do curso, o persoal directivo de cada centro transmitirá aos asistentes as particularidades de cada centro, con especial atención a cuestións relacionadas cos planos de estudo, programas de intercambio ou opcións futuras para o desenvolvemento da carreira profesional e saídas laborais.

The contents of this page were updated on 03.11.2011.