Skip to main content
STG

Isabel Sández Macho traballará para manter o nivel de investigación e docencia da Facultade de Farmacia, considerada a terceira mellor de España

De esquerda a dereita, a decana, Isabel Sández; o reitor Juan Casares e a secretaria xeral,  Lourdes Noya
De esquerda a dereita, a decana, Isabel Sández; o reitor Juan Casares e a secretaria xeral, Lourdes Noya
A profesora tomou posesión este xoves 3 do seu cargo como decana

A profesora Isabel Sández Macho tomou posesión este xoves 3 do seu cargo como decana da Facultade de Farmacia, nun acto protocolario que tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome baixo a presidencia do reitor Juan Casares. Formando parte do equipo de Sández Macho estarán tamén Paz García Martínez, no cargo de vicedecana de Organización e Coordinación Docente e Alumnos; José Ángel Fontela Gil como vicedecano de Calidade e Relacións Exteriores e por Perfecto Paseiro Losada como secretario do centro. No seu discurso de toma de posesión como decana, Isabel Sández recordou que a Facultade de Farmacia é “un dos centros universitarios máis competitivos”, posto que ten asinados 71 convenios con empresas e máis de 154 proxectos de investigación acadados en distintas convocatorias europeas, nacionais e autonómicas. Así mesmo, remachou que Farmacia está considerada a terceira mellor de toda España, ademais de ser un dos oito centro da USC que obtiveron o certificado do Programa Fides-Audit, emitido pola Axencia de Calidade do Sistema Universitario. A profesora Sández Macho, que sucede no cargo a Juan José Torres Labandeira, dixo que o seu equipo decanal se esforzará en manter estes primeiros postos que a facultade ocupa en investigación e docencia, a pesar de ter que convivir “con esta crise que está determinado a prioridade das distintas actuacións da universidade”. Neste seno, a decana subliñou que “nós non pretendemos ter máis que outros, pero tampouco aceptaremos menos do que nos corresponde e merecemos”. O reitor, Juan Casares, afirmou que a Facultade de Farmacia “estivo na miña axenda dende o primeiro día”, aínda que recordou que “imos traballar nun contexto complexo, posto que os orzamentos non son os que nos gustaría a ninguén”. Así mesmo, a decana incidiu na necesidade de acometer melloras nas instalacións da facultade, na que cursan estudos en torno a 1.500 alumnos e que conta con 160 profesores. No centro impártense cinco titulacións: a licenciatura en extinción, o Grao de Farmacia, os másteres oficiais en Biotecnoloxía, Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos e Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria, ademais do curso de especialización en Ortopedia. Neste eido, Isabel Sández sinalou que se está a traballar en que os alumnos, ademais de obter o título de graduado, logren o de Máster en Farmacia. A iniciativa conta co apoio da Conferencia de Decanos de Farmacia de España e será presentada en breve ante o Ministerio de Educación. Isabel Sández Macho é doutora en Farmacia e profesora do Departamento de Química-Física. Foi investigadora principal en varios proxectos e pertence ao grupo de investigación Gi-1591: Fisicoquímica de Superficies. A decana é autora de numerosas publicacións no campo das monocapas superficiais e máis concretamente no estudo das interaccións de medicamentos fosfolípidos como compoñentes maioritarios das membranas celulares. O equipo decanal de Farmacia con membros do equipo de goberno

The contents of this page were updated on 03.03.2011.