Unha profesora de Humanidades estudosa da figura de Cunqueiro reúne nun libro os textos lugueses do autor
A profesora da Facultade de Humanidades da USC María Xesús Nogueira realizou o estudo e selección de contidos do libro de textos rescatados de Álvaro Cunqueiro Viaje a Lugo. Páginas sobre la ciudad publicado pola editorial Alvarellos. A obra presentarase na Galería Sargadelos, en Lugo, este xoves 10 de febreiro ás 20:00 horas.
Nogueira, como especialista no escritor mindoniense, fai unha selección de 24 prosas de Cunqueiro moi vinculadas á historia de Lugo, a moitos dos seus persoeiros e a múltiples espazos da cidade. Tal e como foi definido dende a editorial, trátase dun libro no que se reencontra a Álvaro Cunqueiro “cunha paisaxe vital e emocional: a cidade na que viviu anos decisivos”. Trátase, en resumidas contas dunha “viaxe dende (ou cara) esta cidade onde a prosa do autor se volve universal”, indican. Entre os textos que reúne, atópase o discurso de apertura do Bimilenario da cidade, pronunciado o 25 de outubro de 1975, onde Cunqueiro definiu a lugo como “la Roma del Finisterre”. Na presentación de Viaje a Lugo estarán presentes, ademais da estudosa da USC María Xesús Nogueira; o fillo do escritor, César Cunqueiro; a directora da Colección Rescate na que se enmarca este libro, Olivia Rodríguez; e o editor Henrique Alvarellos.