Ir o contido principal
STG

Unha profesora de Humanidades estudosa da figura de Cunqueiro reúne nun libro os textos lugueses do autor

Cunqueiro no discurso do Bimilenario da cidade de Lugo. Foto Fondo Vega.
Cunqueiro no discurso do Bimilenario da cidade de Lugo. Foto Fondo Vega.
A editorial Alvarellos presenta este xoves en Lugo o libro que rescata esta prosa baixo o título Viaje a Lugo. Páginas sobre la ciudad no centenario do escritor mindoniense

A profesora da Facultade de Humanidades da USC María Xesús Nogueira realizou o estudo e selección de contidos do libro de textos rescatados de Álvaro Cunqueiro Viaje a Lugo. Páginas sobre la ciudad publicado pola editorial Alvarellos. A obra presentarase na Galería Sargadelos, en Lugo, este xoves 10 de febreiro ás 20:00 horas.

Nogueira, como especialista no escritor mindoniense, fai unha selección de 24 prosas de Cunqueiro moi vinculadas á historia de Lugo, a moitos dos seus persoeiros e a múltiples espazos da cidade. Tal e como foi definido dende a editorial, trátase dun libro no que se reencontra a Álvaro Cunqueiro “cunha paisaxe vital e emocional: a cidade na que viviu anos decisivos”. Trátase, en resumidas contas dunha “viaxe dende (ou cara) esta cidade onde a prosa do autor se volve universal”, indican. Entre os textos que reúne, atópase o discurso de apertura do Bimilenario da cidade, pronunciado o 25 de outubro de 1975, onde Cunqueiro definiu a lugo como “la Roma del Finisterre”. Na presentación de Viaje a Lugo estarán presentes, ademais da estudosa da USC María Xesús Nogueira; o fillo do escritor, César Cunqueiro; a directora da Colección Rescate na que se enmarca este libro, Olivia Rodríguez; e o editor Henrique Alvarellos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2011.