Skip to main content
STG

Catedráticos e maxistrados analizan os principais aspectos da reforma laboral de 2010

O curso, no que se matricularon 250 persoas, desenvólvese este venres na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Santiago

A USC acolle este venres, 14 de xaneiro, unha xornada técnica na que se analizan os principais aspectos da reforma laboral aprobada o pasado ano. Trátase dunha actividade formativa que se desenvolverá na Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus Vida de Santiago. O curso, que se inaugurará ás 9:30 horas no salón de actos da escola, analiza os cambios introducidos no eido laboral tras a aprobación do Real Decreto-Lei 10/2010 e a Lei 35/2010, cos que se modifica considerablemente a lexislación en materia de contratación, salarios, colocación e despido. A conferencia inaugural correrá a cargo do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid, Fernando Valdés Dal-Ré. Así mesmo, tamén haberá unha mesa redonda, na que participan o director territorial da Inspección de Traballo en Galicia, Carlos Domenech, o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, e o maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Emilio Fernández de la Mata. Pola súa banda, o catedrático de Dereito do Traballo da USC, Francisco Javier Gárate, centrarase nas modificacións no réxime xurídico da contratación laboral, mentres que Juan García Blasco, da Universidade de Zaragoza, analizará as novas medidas de reforzamento da flexibilidade interna. O programa complétase cos relatorios do catedrático da Universidade de Valencia, José María Goerlich, sobre a intermediación e o fomento do emprego; e de Aurelio Desdentado, maxistrado da Sala IV do Tribunal Supremo, que falará dos cambios en materia de extinción do contrato de traballo. A xornada técnica, na que están matriculadas 250 persoas, será inaugurada pola Vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna , a subdirectora de Traballo, María Coutinho, e o director da Escola Universataria de Relacións Laborais, Juan Ares Fernández.

The contents of this page were updated on 01.13.2011.