Skip to main content
STG

Remata o prazo de inscrición do VII Curso de Primavera ‘Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’

O seminario, que ten lugar entre o 3 e o 6 de maio na Casa do Saber, ten como obxectivo achegar o coñecemento universitario á cidadanía lucense

As persoas que desexen participar na VII edición do Curso de Primavera ‘Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’ dispoñen ata este xoves 28 para formalizar a súa inscrición na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e na Facultade de Humanidades. O sétimo Curso de Primavera impulsado por Lugo Cultural estará dedicado este ano á historia, sociedade e cultura da cidade e celebrarase na Casa do Saber e en Humanidades do 3 ao 6 de maio. Ao longo destas xornadas abordaranse temas como a función sociocultural do Instituto Provincial de Lugo, a sociedade na época romano xermánica, a permanencia da cidade no mundo antigo, o sistema urbano de Galicia, a análise de exemplos de cidades patrimonio como Brasilia ou unha mirada aos escribáns lugueses dos séculos XVI ao XVIII conforman algunhas das sesións do curso. Así mesmo, afondarase nos poderes municipais e as elites cidadás na época borbónica, a arquitectura a principios do século pasado e a cidade como foco de ensino na vida adulta. O programa complementaranse con outras actividades coma unha visita guiada á exposición ‘ A Domus do Mitreo’co arqueólogo director das escavacións. Orientar o coñecemento sobre a cidade de Lugo e sobre o concepto de cidade dende múltiples campos do saber é o obxectivo último desta actividade formativa que contará cunha conferencia inaugural a cargo de Antonio Prado que versará precisamente sobre as orixes deste Curso de Primavera. Esta iniciativa, agora promovida por Lugo Cultural e organizada dende a USC ten a súa orixe nas décadas dos 60 e 70 do século pasado no Instituto Masculino ‘Lucus Augusti’.

The contents of this page were updated on 04.27.2011.