Skip to main content
STG

Un mundo de mulleres, novo libro da profesora de Humanidades Carmen Blanco

Carmen Blanco, no centro, acompañado de Elena Freire e Tucho Calvo
Carmen Blanco, no centro, acompañado de Elena Freire e Tucho Calvo

A escritora e profesora da Facultade de Humanidades de Lugo, Carmen Blanco, acaba de publicar o libro de poemas Un mundo de mulleres, que presentou esta semana na Galería Sargadelos luguesa acompañada do director de Biblos, Tucho Calvo, e da antropóloga Elena Freire Paz, tamén docente do Campus. Un mundo de mulleres é unha homenaxe á beleza diversa do amor e da liberdade a través de seres do mundo real da Historia e do mundo imaxinario dos soños, sempre libremente evocados. Desde a Señora dos Grandes Ollos, Gaia, Galicia, Celtia, As Venus, As Amazonas, As Escravas, Penélope, Antígona, Lisístrata, Lilith, A Puta de Babilonia, Lupa, Morgana, Xenebra, Safo, Balteira, Rosalía, Virginia Woolf ou Emma Goldman ata A Liberdade dun futuro posible sen poder. Carmen Blanco, que coordina con Claudio Rodríguez Fer a revista libertaria e multicultural Unión libre. Cadernos de vida e culturas, publicou ensaio, narrativa e poesía, en moitos casos rompendo os límites dos xéneros e guiada pola teima da liberdade. É autora do libro de contos Vermella con lobos e da novela Atracción total. Como ensaísta tratou os temas de poder, muller, sexo e cultura, en obras como Literatura galega da muller; O contradiscurso das mulleres; Nais, damas, prostitutas e feirantas; Mulleres e independencia; Alba de mulleres; Sexo e lugar ou Feministas e libertarias, ademais das monografías Luz Pozo Garza: a ave do norte e María Mariño. Vida e obra. Tamén publicou os libros Conversas con Carballo Calero, Carballo Calero: política e cultura, Uxío Novoneyra e Novoneyra: un cantor do Courel a Compostela, así como diversas edicións, entre elas a bilingüe Extranjera en su patria. Cuatro poetas gallegos. Rosalía de Castro. Manuel Antonio. Luís Pimentel. Luz Pozo Garza.

The contents of this page were updated on 11.10.2011.