Skip to main content
STG

A Facultade de Matemáticas celebra o Día da Ciencia en Galego

A Facultade de Matemáticas da USC, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística, organiza este martes ás 12:00 no seu salón de graos unha xornada de achega á ciencia en galego. Dirixida a toda a comunidade universitaria, presentarase o concurso ‘ Explícoche Matemáticas 2.0’ de vídeos para estudantes do centro e unha sesión divulgativa sobre Minerva, o repositorio institucional da USC. O obxectivo do concurso de vídeos é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas así como a creatividade do alumnado a través da realización de curtametraxes de 2 minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático. Pola súa banda, coa presentación do repositorio Minerva preténdese mostrar as posibilidades para incorporar publicacións docentes e de divulgación de matemáticas en galego e fomentar que ditos traballos rematen sendo libros electrónicos. No acto interveñen o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Blanco Valdés; a directora da Biblioteca da USC, María Isabel Casal Reyes; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar . Xa o día 30 de novembro, rematando o Mes da Ciencia 2011, procederase á entrega dos premios do concurso ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ nunha xornada na que persoal investigador en formación da Facultade presentarán en galego os traballos que están a desenvolver.

The contents of this page were updated on 11.08.2011.