Skip to main content
STG

A atención das enfermidades crónicas centrará unha nova edición das Xornadas de Enfermaría de Lugo

De esquerda a dereita, Asunción Núñez Magdalena, Pedro García Herradón e Lourdes Bermello López durante a presentación das xornadas no Complexo Docente do Campus de Lugo
De esquerda a dereita, Asunción Núñez Magdalena, Pedro García Herradón e Lourdes Bermello López durante a presentación das xornadas no Complexo Docente do Campus de Lugo

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, a directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Asunción Núñez Magdalena, e a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello López, presentaron este martes 5 de abril as XVI Xornadas de Enfermaría que se celebrarán na cidade de Lugo o 7 e o 8 de abril. Organizadas pola Escola de Enfermaría do Campus de Lugo coa colaboración da USC, do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo e da Xunta de Galicia, están consideradas de Interese Sanitario e nesta ocasión dedicaranse ás enfermidades crónicas baixo o título ‘Enfermidades Crónicas: cada paciente, unha atención’. A finalidade desta iniciativa xa consolidada dentro das actividades anuais desta área é a de fomentar o debate, a presentación e o intercambio de experiencias, coñecementos e tamén tecnoloxías, no que se refire á atención de pacientes crónicos. Desta maneira, os organizadores buscan que se facilite a comunicación bidireccional entre os profesionais dos diversos niveis asistenciais. A mellora da calidade de vida e a redución do gasto sanitario están detrás dos novos enfoques profesionais da enfermaría no que se refire ás enfermidades crónicas, a meirande parte asociadas á vellez. Evitar, por exemplo, os ingresos innecesarios e contribuír á independencia do paciente a través da prestación de coidados por parte da enfermeira/o xestor que coordina todo o proceso asistencial como elemento integrador entre o paciente, a familia e os recursos sanitarios é unha das temáticas de futuro sobre a que se profundará nestas xornadas, tal e como matizou a directora da Escola. Contidos Na primeira das xornadas, que se celebrará este xoves 7 de abril, profesionais e docentes falarán nunha táboa redonda arredor das intervencións derivadas da cronicidade, tocando aspectos coma o auto coidado e a formación do coidador nos pacientes con risco de deterioro da integridade cutánea ou o papel da enfermaría na dor crónica e a xestión da incontinencia. A sesión da tarde comezará coa análise dun caso práctico dun paciente crónico monitorizado en consulta e outro en domicilio e os seus coidadores, contando coa presenza dos propios protagonistas que tamén intervirán na táboa redonda. A sesión pecharase cunha conferencia titulada ‘ A cronicidade e o papel das enfermeiras’ despois do acto inaugural que terá lugar ás 19:00 horas a cargo da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. O venres 8 de abril a táboa redonda aglutinará unha serie de intervencións baixo o título ‘ Enfermeiras xestoras de casos: Experiencias’. Aquí está prevista a presentación de TELEPOC, unha experiencia piloto na asistencia con apoio da tele medicina, tamén se falará sobre a xestión de casos como práctica avanzada cara a calidade e sobre a xestión de casos no contorno hospitalario. Xa na tarde, o ámbito de análise centrarase na área sanitaria de Lugo, cunha táboa redonda que versará arredor da implementación da xestión de procesos nesta zona. Presentaranse novos proxectos piloto coma o das figuras de enfermeira/o xestora de procesos na atención primaria e de procesos en hospitalización e falarase sobre as funcións de enfermeira xestora de casos con pacientes que sofren varias patoloxías. Alumnos, profesores e profesionais da enfermaría participarán deste encontro que se celebrará no auditorio da Facultade de Veterinaria e que conta cunhas 350 persoas matriculadas.

The contents of this page were updated on 04.05.2011.