Skip to main content
STG

Humanidades participa cunha mostra no décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade

Ata mediados do mes de xuño poderase visitar na Facultade de Humanidades de Lugo a exposición ‘ A Muralla no Museo. Pegadas Arqueolóxicas da Muralla’, organizada polo Museo Provincial de Lugo con motivo da conmemoración do décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Concibida cun evidente fin didáctico na mostra amósanse os distintos tipos de inscricións conservados na cidade -votivas, relixiosas, honoríficas...– coa súa formulación característica e a súa tradución. Inclúense mapas coa localización destacando a peculiaridade destes achados xa que a maioría dos epígrafes foron reutilizados como material de recheo da propia muralla. Igualmente se expoñen interesantes fotografías da colección de Castro Freire mostrando o seu descubrimento. A exposición, coordinada pola profesora da USC Dolores Dopico Caínzos, permite que calquera persoa non especialista poida acceder a unha das fontes de información máis valiosas para reconstruír a sociedade da antiga Lucus Augusti.

The contents of this page were updated on 05.13.2011.