O Centro de Linguas Modernas da USC organiza vinte cursos intensivos en catorce linguas diferentes
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) desenvolverá no mes de xullo 20 cursos intensivos de 14 linguas diferentes. En horario de 9:30 a 13:45 polas mañás ou de 16:15 a 20:30 horas polas tardes, desenvolveranse entre os días 11 e 22 de xullo. Na oferta intégranse cursos de alemán, checo, francés, inglés, italiano, polaco e portugués dirixidos especialmente aos alumnos con bolsa do programa Sócrates Erasmus para o curso 2011-2012 aínda que están abertos aos alumnos que cumpren ao longo de 2011 dezaseis anos. Será unha oferta formativa na que se dará maior importancia á práctica das destrezas orais. Ademais, o CLM tamén ofertará cursos de árabe, catalán, chinés, español para negocios, grego moderno, ruso e xaponés, aberto a todos os públicos dende os 16 anos e validables por créditos de libre configuración. En calquera caso, para a súa celebración, deberá alcanzarse un cifra mínima de 8 persoas matriculadas. A matrícula deberá realizarse a través da páxina web do Centro (http://www.usc.es/clm) ou excepcionalmente de xeito presencial no Negociado do propio CLM, ata o próximo día 1 de xullo.
No caso concreto dos cursos de alemán, inglés, francés e español comercial e co obxectivo de clasificar ao alumnado segundo o seu dominio do idioma, o día 29 de xuño celebrarase unha proba de nivel ás 12:00 horas nas aulas B, C, D e no Laboratorio do CLM na Facultade de Filoloxía de Santiago, e en Lugo nas dependencias do Centro de Linguas na Facultade de Humanidades. A preinscrición nesta proba de nivel deberá realizarse entre o 1 e o 28 de xuño.