Comezou en Santiago a XXI edición do máster en dirección e xestión de comercio exterior da USC

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o acto de inauguración da XXI edición do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior (MASCOMEX), que conta coa colaboración de Xunta de Galicia. Despois dun intenso proceso de selección son finalmente 24 os alumnos seleccionados para cursar a XXI edición deste prestixioso máster. Como cada ano, destaca a presenza de alumnado internacional, procedente nesta ocasión de países coma Brasil, Perú ou Romanía. Expansión internacional das empresas galegas Mascomex leva máis de vinte anos formando técnicos e directivos especializados en comercio exterior, que están contribuíndo ao éxito e á expansión internacional das empresas galegas. Unha vez finalizado o posgrao, os alumnos poden ter acceso a prácticas remuneradas en empresas grazas ás cales máis do 90 por cento consegue a súa inserción laboral en multinacionais e empresas exportadoras. O máster prolongarase ata finais de xuño nas aulas da Facultade cun total de 700 horas lectivas e con visitas a empresas exportadoras de interese. O cadro docente fórmano recoñecidos profesores e profesionais do eido do Comercio Exterior.