Skip to main content
STG

Expertos españois no eido do mercado de traballo e economistas internacionais de recoñecido prestixio danse cita na USC

Autoridades e membros do comité organizador no Congreso
Autoridades e membros do comité organizador no Congreso
Luis Toharia recibe este venres en Santiago a Medalla de Ouro ministerial de Mérito ao Traballo

Os maiores expertos españois na análise económica do mercado de traballo e economistas internacionais de recoñecido prestixio reúnense esta semana en Santiago nas IX Xornadas de Economía Laboral, que se desenvolven na Escola Universitaria de Relacións Laborais. O encontro -organizado pola Asociación Española de Economía do Traballo, o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC e o Grupo de Análises e Modelización Económica da Universidade de Santiago- prodúcese cada dous anos pretendendo ser un foro de discusión e debate entre expertos na análise económica do funcionamento do mercado de traballo. A inauguración tivo lugar este xoves nun acto ao que asistiron a vicerreitora de Economía e Infraestruturas da USC, Sara Cantorna Agra; o director xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, Odilio Martiñá Rodríguez; o coordinador do comité organizador, o profesor da USC Roberto Bande; a presidenta da Asociación Española de Economía do Traballo, a profesora da Universidade de Valencia Rosario Sánchez Pérez; e o director da Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC, Juan José Ares Fernández. O profesor da Universidade de Arizona Ronald Oaxaca, unha das máximas autoridades na análise da existencia de discriminación no mercado de traballo, especialmente no tocante a discriminación salarial, foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural titulada ‘Capital humano e discriminación no mercado de traballo: é realmente o capital humano a diferenza explicada?’. A continuación tiveron lugar diversas sesións paralelas centradas en temáticas como a inmigración, o emprego ou o desemprego. Medalla de Ouro ao Mérito ao Traballo Logo de numerosas mesas simultáneas en torno a cuestións de notable actualidade, este venres 8 terá lugar ás 16.00 horas unha mesa redonda sobre os retos e reformas pendentes do mercado laboral español na que participarán Juan Francisco Jimeno, do Banco de España, e José Ignacio Pérez Infante e Raúl Riesco, do Ministerio de Traballo e Inmigración. Ademais, durante a cea de gala do venres coa que se clausura o encontro fáiselle entrega ao profesor Luis Toharia da Medalla de Ouro ao Mérito ao Traballo, concedida polo Consello de Ministros na súa pasada reunión do 24 de xuño de 2011. Luis Toharia é o principal referente na investigación do mercado de traballo en España e foi o impulsor da creación da Asociación de Economía do Traballo española. A medalla será entregada, en nome do Rei, polo ministro de Traballo e Inmigración, Valeriano Gómez, quen asiste á cea de xeito persoal. Na mesma gala coñécese o nome do gañador do V Premio Lluis Fina que recoñece a excelencia na investigación relacionada co mercado de traballo e que é outorgado por un tribunal formado por recoñecidos economistas laborais ao mellor traballo publicado nos dous últimos anos. Na súa anterior edición o premio foille concedido aos economistas do GAME-USC Roberto Bande, Melchor Fernández e Víctor Montuenga. O recoñecido profesor Oaxaca foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural

The contents of this page were updated on 07.07.2011.