Mª Isabel González elixida nova decana da Facultade de Humanidades de Lugo

A profesora Mª Isabel González Rey acaba de ser elixida decana da Facultade de Humanidades de Lugo nunha xunta de centro na que se contabilizaron 31 votos, 30 a favor e un en branco. Xunto á profesora González Rey integrarán o equipo decanal JoDee Anderso Mcguire como vicedecana e Miguel González Pereira, como secretario do centro, cargos que xa viñan ocupando co equipo saínte que encabezaba Alexandre Veiga. O equipo da ata hai uns meses vicerreitora adxunta de Estudos de Grao e Posgrao do Campus lugués, presenta a súa candidatura avalado polo experiencia dos seus compoñentes en xestión universitaria, pero tamén “animados polo desexo de darlle un novo impulso á Facultade”, sinalou a nova decana. O programa presentado a este proceso electoral focaliza a atención en acadar unha mellor visibilidade da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo a través dunha política de comunicación ben organizada que permita dar a coñecer á sociedade a súa oferta académica e outras actividades formativas. A Facultade de Humanidades imparte na actualidade dous graos, en Ciencias da Cultura e Difusión Cultura e en Lingua e Literatura españolas; o máster en Servizos Culturais; e un programa de doutoramento. Ao mesmo tempo, impártese tamén docencia de 4º ciclo, así como moitas máis actividades formativas, como o Curso de Primavera (xornadas que se organizan regularmente nesa estación do ano), o Curso de Outono, así como congresos e coloquios de índole diversa.