Skip to main content
STG

O Claustro da USC debate a programación plurianual e as liñas xerais de orzamentos para 2012

O Claustro Universitario da USC reúnese este mércores 14 en sesión ordinaria para debater e someter a aprobación a Programación Plurianual e as liñas xerais dos orzamentos para 2012. A xuntanza será a partir das 9.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. A Programación Plurianual contén as liñas de actuación a adoptar na USC no período 2011-2014 co fin de avanzar na consecución e consolidación dun recoñecido prestixio en todas as misións que ten como institución, sen esquecer o seu compromiso coa sociedade e traballando de xeito participativo nun proxecto común. En concreto, as accións recóllense en sete ámbitos principais como son as persoas; oferta académica; investigación, tranferencia e innovación; proxección exterior e internacionalización; xestión institucional e académica; calidade, planificación, responsabilidade social e desenvolvemento sostible; e comunicación. Orzamentos As Liñas Xerais dos Orzamentos para 2012 que se someterán á consideración do Claustro contemplan unha redución das contas da USC nun 2,63 por cento en relación a 2011, porcentaxe que inclúe non só a conxelación do Plan de Financiamento para 2012 e a redución da recadación por taxas, senón tamén a propia situación económica arrastrada dende hai anos. O importe do orzamento para o próximo exercicio ascenderá a 222.818.960 millóns de euros.

The contents of this page were updated on 12.13.2011.