Skip to main content
STG

Woman Emprende reúne este venres na USC a emprendedoras en diferentes ámbitos profesionais

O I Encontro Atalanta busca conformar unha rede de traballo e colaboración entre mulleres

O programa de promoción do emprendemento feminino da USC Woman Emprende organiza este venres 16 o primeiro Encontro Atalanta, que pretende ser o primeiro paso para a formación dunha rede de traballo e colaboración entre mulleres pertencentes a diferentes eidos. O encontro, organizado dentro das actividades de Innovatia 8.3, desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas nunha sesión na que participarán profesionais dos máis variados ámbitos. A inauguración oficial será ás 9.15 horas e a ela asisten a decana da facultade de Matemáticas, Victoria Otero, e a directora de Woman Emprende, Eva López. Atalanta contempla o debate do emprendemento en tres perspectivas converxentes como son a experiencia de mulleres en grandes empresas, o emprendemento como actitude ante a vida e a xénese dos proxectos empresariais que comezan. Así, a xornada comezará cunha conferencia de Olga Pizarro, do Centro de Estudos Empresariais da Muller da Universidade do desenvolvemento de Chile, e continuará con breves intervencións de expertas da USC, da Asociación Galega da Empresa Familiar, de Jealsa – Rianxeira, da Asociación de Executivas de Galicia, de Ellas 2.0., de Exquisitec.es, de Personaswip, das Remeiras de Galicia, de VIGALICIA e SOLCOM, de AMBAR, de Litterate Soluciones Lingüísticas, da Cestería contemporánea Idoia Cuesta, de Valora, Cafi, Deroceras, Biostat, Xuntos e de The Interactive Cell. Todas elas falarán, baseándose na súa propia experiencia, de cuestións como o papel da muller na empresa familiar, o movemento asociativo para executivas, os negocios en internet, o concepto ‘ wip’, a diversidade funcional, a xénese dos proxectos emprendedores ou a innovación nas aulas, entre outras.

The contents of this page were updated on 12.15.2011.