Péchase a matrícula para o curso de especialista en Seguridade Social que comeza esta semana en Lugo
O vindeiro mércores 13 de xaneiro péchase o prazo de matrícula para asistir ao cuarto curso de especialista en Seguridade Social que se desenvolverá na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo os xoves e venres dende o 14 de xaneiro ata o 25 de xuño en horario de 16:00 a 21:00 horas.
Este curso, organizado pola USC, a Consellaría de Traballo, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social e o Instituto Social da Mariña, diríxese a licenciados en Dereito, diplomados en Relacións Laborais e profesionais de calquera actividade relacionada coa materia.
O curso, de 205 horas de duración, contempla unha parte teórica e outra práctica co obxectivo de formar aos asistentes na materia de Seguridade Social dun xeito suficientemente extensivo como para que poidan desenvolverse con certa seguridade, unha vez finalizado o curso, nunha actividade profesional, ben por conta propia ou allea.
A actividade está dirixida pola profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, Lourdes Mella, e coordinado polo profesor titular de Dereito da Seguridade Social e Prácticas da Seguridade Social na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo, Antonio García Rojo.