A segunda edición do curso ‘Innovación 360º’ da Fundación da Innovación de Bankinter abre o prazo de inscrición
O Salón de Graos da Facultade de Farmacia é o escenario escollido para a presentación na USC da segunda edición do curso ‘Innovación 360º’ da Fundación da Innovación Bankinter, incluída no seu programa Akademia. A presentación deste xoves conta coa presenza da catedrática María José Alonso e de Fernando Alfaro, patróns da Fundación da Innovación, dando paso á apertura do período de matrícula.
O Curso de Innovación 360º é un programa de formación, cualificado polos seus promotores como “único pola súa natureza e método”, dirixido a estudantes dos últimos cursos de carreira e doutorandos que se ten implantados nas universidades españolas no ano 2006.
Un método innovador de análise de casos, a participación de profesorado formado por expertos internacionais e unha dotación de contidos de alto nivel, son as liñas mestras desta proposta formativa. O seu obxectivo é acadar o desenvolvemento de capital intelectual, promover as habilidades que permiten xestionar a innovación en diferentes ámbitos, fomentar a actitude innovadora como fonte de vantaxes competitivas sustentables e impulsar o espírito emprendedor entre os alumnos.
Na edición anterior do curso participaron como docentes, entre outros, Fernando Alfaro, socio fundador de Madiva; os profesores da USC Juan Lema e Urbano Fra; e os catedráticos Alfredo Bermúdez de Castro e José A. Redondo López.
Ademais das sesións lectivas, o curso conta cos denominados ‘Encontros Akademia’, sesións especiais con relatores externos relevantes que veñen a contar a súa experiencia tanto persoal como profesional no eido do emprendemento e empresarial, co obxecto de predicar co exemplo e inspirar aos participantes para que adopten unha postura activa na súa vida profesional e á hora de emprender.