Skip to main content
STG

A Premio Nobel Ada Yonath salienta o “alto nivel” da investigación española

A Premio Nobel Ada Yonath salienta o “alto nivel” da investigación española
A Premio Nobel Ada Yonath salienta o “alto nivel” da investigación española
“Cando me comentan os problemas de desenvolver ciencia cos cada vez máis escasos recursos económicos sempre lles digo que, entre outros países, tomen España como referencia do que si se pode facer”.

“Cando me comentan os problemas de desenvolver ciencia cos cada vez máis escasos recursos económicos sempre lles digo que, entre outros países, tomen España como referencia do que si se pode facer”. Así respondía este luns en Santiago aos medios de comunicación a científica israelita Ada Yonath, Nobel de Química en 2009, para quen o nivel científico español ascendía hai xa dúas décadas ata cotas moi altas, un nivel que tivo a oportunidade de constatar este domingo cando se reuniu cos investigadores que asisten estes días na cidade á sétima xuntanza da sección de Química da Axencia Europea de Investigación. Ada Yonath estivo estes días en Santiago para participar no Programa Conciencia, que cualificou de “ fantástico”. O acto central da súa visita foi unha conferencia aberta a toda a cidadanía no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia, titulada ‘O ribosoma: unha máquina de ARN que sobreviviu á presión da evolución, pero está paralizada polos antibióticos’. Previamente, o reitor Juan Casares recibiuna no Colexio de San Xerome onde asinou no Libro de Honra da USC. Muller e ciencia Na súa intervención diante dos medios a científica israelita negou que a muller teña hoxe máis dificultades que o home para facer ciencia. “A ciencia é consecuencia do traballo, dos descubrimentos, non é unha cuestión de sexo”, dixo. Se ben non negou que esa situación de desigualdade si se producía hai varias décadas, para ela hai anos houbo un punto de ruptura -“na sociedade, non na muller”- definitorio para que afortunadamente esa situación mudase. A. Yonath A. Yonath (Xerusalén, 1939) acadou en 2009 o Premio Nobel de Química xunto con Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma. En 108 anos de historia do Premio, o de Química só recaera en tres mulleres: Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin, esta última en 1964. A academia sueca argumentou na concesión do premio que Yonath lograra completar a triloxía de achados que demostra que a Teoría de Darwin funciona ao nivel do átomo. Comezando polo Nobel de 1962 a James Watson, Francis Crick e Maurice Wilkins e seguindo por Roger D. Kornberg en 2006, con Yonath completaríase este círculo de achados. O traballo de Ada Yonath versa sobre os procesos que rexen na clave da vida, como é a tradución feita polos ribosomas da información do ADN. Os ribosomas producen proteínas, que controlan a química de todos os seres vivos, e posto que son cruciais para a vida, son tamén un obxectivo clave para os novos antibióticos.

The contents of this page were updated on 08.20.2021.