Skip to main content
STG

O fiscal coordinador para asuntos de Seguridade Vial avoga na USC por integrar a ciencia criminolóxica nos procesos penais de tráfico

Participa no VI Congreso Nacional de Criminoloxía

O fiscal coordinador para asuntos de Seguridade Vial, Bartolomé Vargas, avoga por integrar a ciencia criminolóxica nos procesos penais de tráfico, co fin de aproveitar os estudos que realizan os profesionais da criminoloxía sobre as causas motivadoras da conduta criminal dalgúns condutores.
Bartolomé Vargas mantivo un encontro cos medios de comunicación este venres na Facultade de Psicoloxía onde pola tarde, a partir das 16:00 horas, pronuncia unha das conferencias plenarias do VI Congreso Nacional de Criminoloxía, que nesta edición está dedicado ao tema ‘Criminalidade e risco: predición e prevención’. Vargas falará na súa intervención sobre delincuencia de tráfico e criminoloxía.
O fiscal, segundo puxo de manifesto na rolda de prensa, mostra un especial interese por acceder aos ditames periciais criminolóxicos, así como o emprego das estatísticas globais sobre a materia. Vasgas propuxo a creación de grupos de traballo conxuntos entre fiscais especialistas en tráfico e expertos criminolóxicos para compartir coñecementos e mellorar a actuación do Ministerio Público na loita contra a sinistralidade vial.
Programa para o sábadoO Congreso celebrará este sábado 20 a súa derradeira xornada incluíndo no seu programa un abano de intervencións paralelas que se organizarán ao redor das aplicacións profesionais da criminoloxía, vitimoloxía, tratamento penitenciario, seguridade nacional e violencia doméstica. A conferencia de clausura, prevista para as 12:30 horas, estará a cargo do presidente da Fundación ATENEA - Grupo GID, Domingo Comas Arnau.
Na organización do congreso, xunto a Mª Ángeles Luego e Jorge Sobral, figuran Estrella Romero, presidenta do Comité Científico; Xosé Antón Fraguela, coordinador do encontro; e Paula Villar Torres, secretaria do Congreso.

The contents of this page were updated on 06.19.2009.