Skip to main content
STG

Nova edición dos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación

Estruturar os contidos, citar, elaborar bibliografías, automatizar índices, redactar con calidade ou utilizar correctores automatizados son destrezas comunicativas que moitos estudantes universitarios necesitan mellorar. Para logralo, o Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza os Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación que teñen a matrícula aberta ata o 2 de decembro.
Trátase de cursos de 30 horas dirixidos a estudantes que desexan mellorar a calidade formal dos seus traballos académicos e de investigación, poñendo en xogo elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos a prol da lexibilidade dos textos. Preferentemente diríxense aos universitarios que estean preparando a tese de doutoramento, memoria de licenciatura, traballo de investigación tutelado, proxecto de fin de carreira ou traballos académicos de curso.
Recoñecido cun crédito de libre configuración para os estudantes de calquera titulación, en Lugo o curso celebrarase entre decembro e xaneiro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, mentres que en Compostela se impartirá en Psicoloxía, Dereito e Filosofía.
O custe dos cursos é de 30 euros, que serán reembolsados se o estudante realiza en lingua galega a súa tese, memoria de licenciatura, TIT ou proxecto de fin de carreira.

The contents of this page were updated on 11.23.2009.