O reitor imporalle a Insignia de Ouro da USC ao profesor Manuel Sanmartín Durán
O reitor da USC, Senén Barro, imporalle este venres 6 a Insignia de Ouro da institución académica ao profesor emérito Manuel Sanmartín Durán, no transcurso dun acto homenaxe que se vai celebrar na Aula Magna da Facultade de Farmacia. O reitor imporalle esta distinción universitaria nunha sesión que se vai celebrar a partir das 11:00 horas.
Deseguido, a partir das 12:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre ‘Parasitose, emigración e cambio climático’, na que baixo a coordinación do profesor Florencio Martínez Ubeira intervirán o profesor da Universidade Complutense, José Mª Sánchez, co relatorio ‘Cambio climático: mito ou realidade’; José L. Pérez Arellano, da Universidade das Palmas, para falar sobre ‘Parasitose e inmigración en España’; e Antonio Ramón Martínez, da Complutense, cunha intervención na que se referirá ao cambio climático e paludismo na Península Ibérica.
O profesor Sanmartín é autor de preto de douscentos artigos científicos, a meirande parte deles en publicacións internacionais, e doutras tantas intervencións en congresos. Ademais dirixiu ou é codirector de 20 teses e de 38 tesiñas. Na súa faceta investigadora, o equipo dirixido polo profesor Sanmartín describiu un xénero e nove especies parasitarias novas, estando considerado como un pioneiro e referentes mundial tanto no estudo dos parásitos das raias, como no estudo dun importante ciliado patóxeno do rodaballo, coñecido como Philasterides dicentrarchi, cuxas publicacións representan máis do 75 por cento da bibliografía mundial existente.