A atención sanitaria en drogodependencias e os accidentes de tráfico centrarán as XIII Xornadas Internacionais de Enfermaría
Un ano máis, a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo celebrará esta semana as XIII Xornadas Internacionais de Enfermaría, organizadas en colaboración co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, e que nesta ocasión levan como título xenérico ‘Drogas e accidentes de tráfico. Dous son mil’. As xornadas desenvolveranse no marco do Auditorio de Veterinaria do Campus de Lugo dende o mércores 26 ata o venres 28 e está prevista a asistencia de preto de 250 profesionais e estudantes.
Esta cita anual foi presentada polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero e o director da Escola de Enfermaría de Lugo, José Luis Díaz López, que lembraron a importancia que teñen estas xornadas “un clásico dentro do programa de primavera da USC”.
O programa dará comezo o mércores ás 18:00 cun acto de inauguración no que estarán presentes autoridades das distintas Administracións entre os que figura o Delegado de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois; o alcalde, José López Orozco, ademais do vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero. A continuación, a coñecida enfermeira norteamericana Lynda Juall Carpenito-Moyet ofrecerá unha conferencia sobre o impacto do diagnóstico dos pacientes na profesión. O secretario xeral da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Luis Vázquez Rodríguez, explicará de seguido o Plan de Seguridade Vial de Galicia.
As mesas redondas e coloquios que se celebrarán o xoves estarán centradas na atención a pacientes con traumatismos causados en accidentes de tráfico, ás 10:00 e ás 17:00 horas. A segunda parte da tarde estará centrada nas experiencias de enfermaría e nos aspectos relevantes dos coidados destes profesionais.
O venres as intervencións e os debates estarán centrados na educación sobre drogas, tabaco e alcohol. Entre eles destaca a presencia do xefe do Servizo da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencia do Servizo Galego de Saúde, Indalecio Carrera Machado, e dos responsables do servizo de prevención de drogas do Concello de Lugo.
Estas xornadas reúnen en Lugo este ano a un total de 20 relatores procedentes de distintos ámbitos universitarios, así como a especialistas nestas materias na Administración xeral. Ademais de Lynda Juall Carpenito, participará tamén Elaine Stevens, que é vogal do Royal College Nursing, enfermeira do Hospital de Aushine e profesora da Universidade escocesa de Paisley. Todos eles serán recibidos o mércores polo alcalde, José López Orozco, no Salón de Plenos do Concello, e clausurarán as xornadas cunha cea de gala o venres.