Skip to main content
STG

O Centro de Linguas Modernas da USC organiza para o segundo cuadrimestre cursos de galego para non galego falantes, portugués, catalán e checo

O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) organiza para este segundo cuadrimestre cursos de galego para non galego falantes, portugués, catalán e checo. O período de matrícula para todos eles permanecerá aberto ata o día 22 de febreiro, tanto para o campus de Santiago como para o de Lugo.
No caso do curso de Galego para non galego-falantes, celebrarase nos dous campus cunha carga lectiva de 40. No de Compostela impartiranse o nivel Básico 1 e o 2 e no de Lugo unicamente o Básico 2. Para matricularse neste último, as persoas interesadas deberán realizar unha proba de nivel o vindeiro venres, día 15, ás 12:00 horas na Aula CLM da Facultade de Humanidades.
Os tres cursos restantes, de portugués, catalán e checo, desenvolveranse no campus compostelán, igualmente cunha carga lectiva de 40 horas. No primeiro caso e no de checo a proposta formativa corresponde ao nivel 1, mentres que o curso de catalán é de nivel 2.
De xeito paralelo, a matrícula no Centro de Recursos de Idiomas (CRI) de Santiago permanecerá aberta ata o 30 de abril, onde se poderán seguir módulos de autoaprendizaxe de alemán (niveis 4 e 5), checo (de nivel 1 en adiante), francés (3, 4 e 5), inglés (do 5 en adiante), italiano (2 e 3), portugués (2 e 3) e ruso (2, 4 e 5). Igualmente no CRI de Lugo poderase estudar inglés, francés e alemán.
A matrícula poderá realizarse a través de internet (http://matricula.usc.es/clm) ou excepcionalmente de maneira presencial no Negociado do CLM na Facultade de Filoloxía de Santiago e en Lugo no Edificio Intercentros (Alumnado) en horario de mañá.

The contents of this page were updated on 02.12.2008.