Skip to main content
STG

Expertos de todo o mundo participan en Santiago na Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido

Máis de cento oitenta investigadores de España e outras partes do mundo asistirán na Aula Magna da Facultade de Química da USC á 5ª Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido, coordinada pola Real Sociedade Española de Física. O encontro celebrarase dende este mércores, día 6, ata o venres 8.
Como novidade, esta edición incluirá unha sesión extraordinaria no mesmo centro o xoves 7, ás 18:00 horas, sobre investigación en materiais avanzados. A reunión, patrocinada polo Centro de Estudos Avanzados da USC e de acceso libre, contará coa participación do profesor da Universidade estadounidense de Princeton, Robert Cava; da alemá de Colonia, Daniel Khomskii; e da Complutense de Madrid, Miguel Angel Alario.
A primeira xornada abrirá, ás 9:00 horas, cunha conferencia do docente norteamericano Cava titulada ‘Estrutura, superconductividade e efectos termoeléctricos en materiais calcogénidos’ e continuará abordando aspectos como as propiedades de determinados policristalinos, películas nanoestruturadas ou novos experimentos coa rotación dos imáns e sondas acústicas de superficie, entre outras moitas cuestións.
En xeral, neste congreso falarase sobre materiais nanoestruturados e nanotecnoloxías, física de superficies e interfases, materia blanda, polímeros, simulación de materiais, microscopías de proximidade e electrónicas, grandes instalacións, semicondutores, sensores, enerxía e materiais. Tamén se tratarán as propiedades magnéticas, supercondutoras, mecánicas, eléctricas, ópticas e dos cristais fotónicos.

The contents of this page were updated on 02.04.2008.