Skip to main content
STG

A profesora María Jesús Núñez Iglesias tomou posesión do seu cargo como directora da Escola de Enfermaría de Santiago

Celebrada a toma de posesion da directora da Escola Universitaria de Enfermaria, Maria Jesus Nuñez
Celebrada a toma de posesion da directora da Escola Universitaria de Enfermaria, Maria Jesus Nuñez

A profesora María Jesús Núñez Iglesias tomou posesión este martes 29 do seu cargo como directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Santiago nun acto protocolario presidido polo reitor da USC, Senén Barro, no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Conforman o novo equipo de dirección a profesora Ana Silveira e Carlos Fernández.
A directora de Enfermaría puxo de manifesto que o futuro da escola leva parellos unha serie de cambios que afectan á titulación, á infraestrutura e á mentalidade, todos eles orientados a garantir dende a formación o bo desenvolvemento dunha profesión sanitaria independente e complementaria doutras da área de Ciencias da Saúde.
Xustamente neste área de coñecemento, a USC realizará nos próximo anos unha importante aposta xa que o futuro Campus de Ciencias da Saúde está chamado a ser “o proxecto de infraestruturas máis ambicioso acometido por esta universidade”, subliñou o reitor na súa quenda. Cun orzamento de cen millóns de euros e unha superficie construída de 70.000 metros cadrados, o campus estará en condicións de atender as necesidades actuais e de futuro de polo menos as dúas vindeiras décadas.
Barro tamén se referiu ao reto que se lle presenta á Escola de Enfermaría e ao conxunto de titulacións da USC coa plena implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), e á que o reitor se referiu como “unha oportunidade que non volveremos ter en moitos anos”. O EEES obrigará a asumir novos métodos, prácticas, dinámicas de interacción co alumnado e medios infraestruturais.
Mª Jesús NúñezDoutora en Medicina e Cirurxía pola USC, María Jesús Núñez é profesora titular dende o ano 2007, aínda que con anterioridade xa fora titular e catedrática de Escola. O seu labor investigador, que inclúe a participación en preto de quince proxectos subvencionados en convocatorias públicas, desenvólveo dentro do Grupo de investigación de Neuroinmunoloxía, ao abeiro do que mantén liñas de colaboración co Instituto Karolinska de Suecia e coas universidades de Lieja, Texas e A Trobe en Australia.
A directora da Escola de Enfermaría dirixiu once teses de doutoramento e catro proxectos de fin de carreira, ademais de ter asinado máis de 60 artigos científicos, algúns deles nas revistas máis relevantes da especialidade. A súa produción científica complétase coa participación en 15 libros e en máis de 100 congresos nacionais e internacionais.
A profesora Núñez, que recibiu un total de sete premios internacionais e nacionais polas súas contribucións no eido científico, é membro da ANEP ademais de ter participado na organización de diversos congresos e reunións científicas nacionais e internacionais.

The contents of this page were updated on 04.29.2008.