Skip to main content
STG

Miguel Anxo Prado, figura central do programa de Lugo Cultural para a promoción da banda deseñada de orixe galego

Proxectarase este martes no Auditorio o seu filme 'De Profundis' e comeza o préstamo de cómics

O Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia, porá en marcha este martes 20 a segunda edición do programa ‘Anda na banda’, creado o ano pasado co obxectivo de achegar á cidadanía o mundo da banda deseñada feita por galegos e en galego.
Nesta ocasión será a figura de Miguel Anxo Prado a que centralizará a actividade, que dará comezo ás 21:00 horas, coa proxección no Auditorio Gustavo Freire o seu film ‘De profundis’. Ao finalizar, terá lugar un encontro con el e co compositor Nani García.
Paralelamente, entre o 20 e 23 procederase á segunda liberación de cómics que se realiza en Lugo e que consistirá no reparto de bolsas con cómics que deberán ser devoltas despois da súa lectura para emprestar a outras persoas. Os puntos de retirada das bolsas serán ‘A cova da terra’, a Facultade de Humanidades, o Servizo de Participación e Integración Universitaria, a oficina de Cultura da USC, o café ‘O Pousadoiro’, a librería ‘Totem’, o club Clavicémbalo e a sala de lectura da Facultade de Ciencias.
Outras actividades do mesAdemais, o mércores 21, terá lugar a publicación do ditame do xurado e a entrega de premios da XIV edición do Maratón Fotográfico do Campus. Será nun acto, ás 12:00 horas, na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, no que se abrirá tamén a exposición coas fotografías participantes.
Nesta edición, que se desenvolveu o pasado 12 de marzo, participaron 20 persoas, que buscaron as mellores imaxes sobre tellados e nubes, temas escollidos pola organización.
O apartado musical deste mes estará a cargo do guitarrista Marcos Teira, por unha banda, e do Grupo de Creación Musical, pola outra.
Así, o día 22, ás 21:00 horas, e dentro do ciclo Lubicán, actuará Marcos Teira no Auditorio da Facultade de Veterinaria, onde presentará o seu último disco, ‘Alí’, no que a guitarra flamenca é a base sobre a que constrúe a súa música, con distintas influenzas e coa colaboración de músicos galegos, granadinos e arxelinos.
A programación de maio terá a súa conclusión os días 27 e 28, con dous concertos do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura. Serán no Círculo das Artes, ás 20:30 horas, e levan por título ‘A música e o entorno’, dedicado aos compositores Luc Ferrari e Robert Murray Schafer.
O grupo está dirixido por María Inmaculada Cárdenas. A sección electroacústica é responsabilidade de Arturo Vaquero e a vocal de Mónica Álvarez. O programa consta de catro novas composicións propias: ‘Paisaxes sonoras imaxinarias’, ‘Paseo sonoro pola Muralla’, ‘As señoritas de Carabanchel’ e ‘Ensaio’.

The contents of this page were updated on 05.19.2008.