Skip to main content
STG

A USC realiza un curso de capacitación para a investigación con animais

A USC comezou esta semana a impartir entre os campus de Lugo e Santiago a primeira edición dun curso de capacitación en experimentación animal, organizado pola Facultade de Veterinaria e o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina e coordinado polo profesor Jesús Casabiell.
O curso consta de 60 horas lectivas, 40 teóricas e 20 prácticas, que se reparten en dúas semanas, polo que a data de finalización será o 30 de maio. As clases teñen lugar de luns a xoves no Campus de Lugo e os venres no de Santiago, para un total de 20 alumnos.
Esta acción formativa supón a homologación para a realización de procedementos experimentais da categoría B. A temática do curso está dividida en cinco bloques temáticos. No primeiro analízase a lexislación actual sobre a investigación con animais para centrarse no segundo na bioloxía do animal de laboratorio. Neste apartado estúdanse a anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición de roedores, cans, gatos, pequenos ruminantes e outras especies.
O benestar do animal ocupa unha ampla parte do programa formativo, analizando o recoñecemento da dor, a verificación da saúde, o estatus microbiolóxico, a eutanasia, a redución do número de animais para experimentación e a importancia do aloxamento e o transporte.
As condicións dos procedementos experimentais, as técnicas analxésicas e técnicas non invasivas, ademais da cirurxía, complementan a programación, que remata cunha análise de información de elaboración de publicacións científicas.
A docencia do curso está a cargo dun total de 34 profesores dos distintos departamentos relacionados coas ciencias veterinarias da USC. Ademais figuran dous especialistas da Universidade de Vigo e outro da Universidade da Coruña.
Os organizadores están preparando unha segunda edición do curso, que terá lugar no mes de outubro, debido á importancia desta formación para os investigadores.

The contents of this page were updated on 05.22.2008.