Repartidos xa 250 cómics pola cidade de Lugo ao amparo do programa 'Anda na Banda' de Lugo Cultural

Máis de 250 exemplares de cómics foron repartidos estes días pola cidade dentro do programa ‘Anda na Banda’, posto en marcha por segundo ano consecutivo dentro do Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
Con esta iniciativa preténdese achegar á cidadanía o mundo da banda deseñada feita por galegos e en galego. Para isto, realízase ‘a liberación de cómics’, que consiste no reparto de exemplares pola cidade co obxectivo de que todas as persoas podan lelos e despois devolvelos á rúa para que sigan circulando.
Ademais haberá puntos de retirada e de devolución de bolsas en ‘A cova da terra’, a Facultade de Humanidades, o Servizo de Participación e Integración Universitaria, a oficina de Cultura da USC, o café ‘O Pousadoiro’, a librería ‘Totem’, o club Clavicémbalo e a sala de lectura da Facultade de Ciencias.
Agora mesmo están a circular por Lugo 50 exemplares de BD Banda, 100 de Retranca, 50 de Misión dos Pampín, 20 libros de aventuras de Cacauequi e outros tantos de Os Compañeiros. Finalmente hai tamén dez exemplares de Castelo Regadeira.
O programa e circulación dos cómics manterase durante un mes, co obxectivo de facer chegar a todos os cidadáns este programa.