Os exemplares de banda deseñada liberados retíranse do Campus de Lugo o vindeiro luns
Os exemplares de cómic distribuídos en distintos puntos da cidade para o seu libre uso serán retirados o 1 de decembro. O ciclo de banda deseñada ‘Anda na Banda’ que liberou numerosos cómics polo Campus de Lugo estivo dedicado a Leandro Barea, Primitivo Marcos, David Pintor, David Rubín e Armando Salas, que, desde o mes de maio, fixeron que a banda deseñada estivera presente na vida cotiá dos universitarios.
Esta iniciativa, organizada por Lugo Cultural e que se retomará cunha nova colección en 2009, pretende achegar ao público en xeral este tipo de publicacións.
Os exemplares aínda poden ser atopados ata o vindeiro 1 de decembro en diferentes puntos do campus universitario, como a Facultade de Humanidades, a Oficina do Servizo de Integración e Participación Universitaria, a Oficina de Cultura, ou da cidade como a cafetería O Pousadoiro, a librería Totem, e espazos públicos como a Praza de España, entre outros. Calquera persoa pode coller libremente os exemplares que lle interesen para lelos e volvelos a calquera destes puntos de encontro. Os exemplares liberados son publicacións de diferentes anos, escritas en galego e portugués.
As persoas interesadas poderán coñecer máis información sobre as publicacións liberadas e os puntos de préstamo na páxina web www.andanabanda.com, onde tamén poden dar a súa opinión ou unirse á iniciativa liberando os seus propios exemplares.