Skip to main content
STG

Arrinca no campus de Lugo unha nova edición do curso de Especialista en Seguridade Social

O curso de Especialista en Seguridade Social inaugúrase este xoves 6 no Salón de Graos da Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo, por terceiro ano consecutivo.
No acto de apertura, que comeza ás 18:30 horas, participará como relator o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid, Fernando Valdés, cunha lección maxistral titulada ‘A Seguridade Social dos autónomos’.
O curso, que se impartirá todos os xoves e venres pola tarde ata o 5 de xuño deste mesmo ano académico, ten unha duración de 250 horas e supón un total de 25 créditos. Está organizado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, a Consellaría de Traballo, o Instituto Social da Mariña, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesourería Xeral deste mesmo organismo.
As clases, que terán lugar de 16:00 a 21:00 horas, están divididas en dez bloques de traballo, que comezarán co tratamento da evolución da Seguridade Social, así como dos distintos aspectos do seu réxime económico, xestión, nivel contributivo, réximes especiais, prestacións non contributivas e a tutela administrativa, entre outras, para rematar cun período de prácticas.

The contents of this page were updated on 11.05.2008.