Skip to main content
STG

Comezou unha nova campaña de doazón de sangue nos campus de Santiago e Lugo

O Centro de Transfusión de Galicia iniciou este mércores 15 unha nova campaña de doazón de sangue nos Campus de Santiago e Lugo. Á unidade móbil instalada este mércores na Escola de Formación do Profesorado lucense, sumaráselle o xoves 16 outra na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, á que os universitarios poderán acudir en horario de 10:00 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas.
A campaña de doazón na USC reanudarase o martes 21 co mesmo horario na Facultade de Farmacia de Santiago e na de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Os universitarios terán ocasión de doar o mércores 22 novamente en Farmacia e finalmente o xoves 23 na Escola de Enfermaría compostelá.
A pesares de que o pasado curso académico 2007-08 houbo 7.049 doazóns de sangue nas tres Universidades galegas, produciuse un descenso do sete por cento respecto ao curso anterior, o que representa unha taxa de 100 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, aínda así por riba da recomendada pola Organización Mundial da Saúde e da taxa media de Galicia.
O campus galego que rexistrou o maior número de doazóns foi o de Santiago de Compostela, con 2.632, aínda que resulta especialmente salientable a taxa de doazón acadada no campus de Lugo con 130 doazóns por cada 1.000 alumnos ou alumnas, o máis elevado de Galicia. As doazóns efectuadas polo colectivo universitario supuxeron o seis por cento das 117.746 doazóns rexistradas en Galicia no pasado ano 2007.

The contents of this page were updated on 10.15.2008.