Skip to main content
STG

O Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, en Compostela da man do Programa ConCiencia

Imparte este xoves a conferencia 'Como encontrar algo novo'

O Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, atópase estes días en Santiago convidado polo Programa ConCiencia que organiza a USC en colaboración co Consorcio da cidade e a Fundación Caixa Galicia. Sharpless colle así o relevo do Nobel en Física Gerardus 't Hooft que estivo tamén en Compostela esta semana.
Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Caixa Galicia (Carreira do Conde) impartirá a conferencia ‘Como encontrar algo novo’ nun acto ao que asisten o alcalde e o reitor compostelán. Na súa intervención explicará como o medo, as fobias ou a falla de curiosidade son impedimentos para explorar o novo.
Karl Barry Sharpless foi premiado co Nobel polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas, claves para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.
Un obxecto é quiral se a súa imaxe especular (nun espello) non é superpoñible consigo mesmo. É o caso das mans, sendo a dereita a imaxe especular da esquerda pero non sendo superpoñibles e, polo tanto, idénticas. Moitos produtos de interese farmacéutico ou tecnolóxico existen en dúas formas especulares con, en moitos casos, propiedades diferentes, de xeito que resulte moi difícil preparar cada unha delas de maneira independente da outra. No mundo molecular esta propiedade é fundamental, xa que unha molécula e a súa imaxe especular poden ter propiedades radicalmente distintas, como se demostrou no dramático exemplo da talidomida, un fármaco que se comercializou como sedante nos anos 60 pero que sorprendentemente causou miles de malformacións conxénitas. A razón: a (R)-talidomida é unha molécula quiral con efectos sedantes, pero a súa imaxe especular, (S)-talidomida, ten efectos teratoxénicos en fetos humanos.
Sharpless foi pioneiro no desenvolvemento de metodoloxía eficiente baseada en catálise asimétrica para poder acceder a só unha das formas especulares. Concretamente, conseguiu dominar a reactividade de determinadas moléculas empregando catalizadores baseados en complexos metálicos, de forma que actualmente se pode obter selectivamente unha única forma especular dunha especie quiral.
‘Química Click’En 2001, o profesor Sharpless volveu sorprender á comunidade científica cun novo concepto, a ‘Química Click’, coa idea de avanzar no desenvolvemento de procesos químicos máis eficientes. Na preparación de novos compostos e estruturas no laboratorio os científicos, e os químicos en particular, dedican gran parte do seu tempo á purificación e mellora dos rendementos obtidos. O obxectivo, pois, da ‘Química Click’ é identificar e agrupar os procesos químicos máis eficientes, aqueles que non requiren máis esforzo que un simple ‘click’ co rato, e a partir de aí estimular o seu desenvolvemento.
Visita á USCO Nobel visitou esta mañá a Facultade de Química onde foi recibido polo seu decano, Ramón Estévez, e asinou no Libro de Honra do centro. Xa ás 18:00 horas recibirao o reitor Senén Barro no seu despacho reitoral para deixar a súa impronta no Libro de Sinaturas da USC. Este venres 19 reunirase, ás 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, con investigadores da universidade de Santiago a quen lles falará da ‘Química Click’.

The contents of this page were updated on 12.18.2008.