Skip to main content
STG

A USC e o Concello de Ames organizan o I Campionato Galego Universitario de Raid de Aventura

A Universidade de Santiago e o Concello de Ames organizan o I Campionato Galego Universitario de Raid de Aventura e o I Raid Popular Praia de Tapia, que se vai disputar na praia fluvial de Tapia o vindeiro día 2 de xuño. O Campionato presentárono hoxe en roda de prensa no Concello de Ames o director da Área de Deportes da USC, Mariano García-Verdugo, e o concelleiro de Cultura e Deporte de Ames, Xosé Fernández.
O Raid de Aventura é unha competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de resistencia, navegación e supervivencia de equipos en completa autonomía. Os equipos deben completar un extenso percorrido de orientación no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que atopen no seu paso sen valerse de axuda externa nin de medios motorizados.
Este I Campionato Universitario desenvolverase nunha soa etapa, tipo sprint (un só día de competición cunha duración inferior ás 8 horas), en bucles (haberá un só punto de saída e de chegada para todas as seccións) e con horas de peche. O programa da xornada comezará ás 8:45 horas coa recepción e recollida de documentación, para deseguido celebrar unha reunión técnica. A saída en masa está programada para ás 9:30 horas.
A participación está aberta a todas as persoas a partir dos 16 anos, mentres que os menores de idade deberán acreditar unha autorización familiar. Ademais de ser imprescindible saber nadar, a todos os participantes que non teñan licenza de raid en vigor seralles tramitada unha de proba para este competición.
Os equipo estarán conformados por dous compoñentes de calquera sexo sen remuda e sen asistencia e que no caso da competición universitaria deberán estar formados por membros da comunidade universitaria galega. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Área de Deportes da USC (http://www1.usc.es/deportes).

The contents of this page were updated on 05.31.2007.