Skip to main content
STG

Presentación do Festival Internacional de Teatro Universitario

As actividades e mostras que conforman o Festival Internacional de Teatro Universitario da USC presentaranse en roda de prensa este xoves, día 15, nun acto que se vai celebrar a partir das 12:00 horas na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Á presentación asistirán os vicerreitores de Cultura e de Coordinación do Campus de Lugo, Elías J. Torres Feijó e Carlos Herrero Latorre, respectivamente; o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta, Xoán Xosé Molina Vázquez; a concelleira de Lugo, Concepción Burgo; o Xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; o director da Área Cultural da USC, Pablo Sampedro; o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, e un representante da Deputación luguesa.
As actividades enmarcadas no Festival desenvolveranse entre o 21 e o 28 de marzo en diferentes espazos da cidade de Lugo como o Círculo das Artes ou o Auditorio Gustavo Freire e nelas participarán compañías de teatro de diferentes universidades. Ademais da Aula de Teatro da USC estarán presentes o Departamento de Artes Cénicas da USP de Brasil, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, a Aula Universitaria de Teatro da Universidade Pablo Olavide de Sevilla, e a Escola de Literatura Dramática e Teatro da Universidade Nacional Autónoma de México, entre outras.

The contents of this page were updated on 03.14.2007.