A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC visita este sábado pazos e xardíns históricos da comarca
Integrantes da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela (AAAAUSC) gozarán este sábado, día 10, dunha visita por pazos e xardíns históricos da comarca. O itinerario partirá ás 10:00 horas da dársena de Xoán XXIII.
A visita comezará en Santa Cruz de Ribadulla, no Pazo de Ortigueira, declarado Ben de Interese Cultural. Emprazado nun enclave privilexiado, o máis destacable deste pazo son os seus xardíns, considerados un dos principais espazos botánicos de Galicia. De alí continuarán o percorrido cara a Ponte de Gundián e o seu mirador, dende onde se pode contemplar un magnífico entorno natural. Tamén coñecerán o Pazo de Vista Alegre, da familia Gasset, que ofrece un marco incomparable das beiras do Río Ulla.
Continuará a visita no Pazo de Oca, en Tabeirós, que aínda que de propiedade privada permítese visitar os seus sorprendentes xardíns. Este pazo está declarado Monumento Histórico Artístico e divídese en tres elementos: igrexa-capela, pazo e xardíns.