Skip to main content
STG

O Espazo de Danza da USC inicia polos centros universitarios de Compostela a posta en escena do seu programa 'Xa que pasas...'

O Espazo de Danza da Universidade de Santiago inicia esta semana o seu programa de improvisación ‘Xa que pasas…’, iniciativa que pretende sorprender en distintos espazos do campus aos estudantes que, de xeito fortuíto, se atopen nese lugar.
O programa arrancou na mañá deste luns 19 coa execución da peza ‘Cun par de TAkóNS’ na Facultade de Filoloxía, onde o Espazo de Danza volverá a intervir esta tarde a partir das 17:00 horas. As próximas citas previstas serán o mércores 21 no carril de paso entre a Facultade de Dereito e a Biblioteca Concepción Arenal, ás 14:00 e ás 17:00 horas. Este ciclo rematará o venres, día 23, ás 13:00 e ás 17:00 horas, coa presentación da coreografía na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur).
‘Xa que pasas...’ pretende achegar a danza aos universitarios nos propios espazos onde desenvolven o seu quefacer cotiá como son as facultades e escolas. Procúrase así a democratización do baile dentro da escena universitaria, meta que o Espazo de Danza da USC que dirixe o lugués Juan Carlos Zahera promove ao longo do ano nos seus cursos.
Espazo de Danza da USCDende a súa creación en 1997, o Espazo de Danza da USC avanza no seu desexo de converterse nun laboratorio de experiencias contemporáneas, para o que traballa con todos os integrantes da comunidade universitaria. No caso do Campus de Lugo tamén estende esta vocación a nenos maiores de 5 anos.

The contents of this page were updated on 03.19.2007.