Skip to main content
STG

A Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo organiza unhas xornadas internacionais sobre a súa incorporación ao Espazo Europeo de Educación Superior

De esquerda a dereita, José Luís Díaz, Carlos Herrero e Miguel Fernández durante a presentación das Xornadas
De esquerda a dereita, José Luís Díaz, Carlos Herrero e Miguel Fernández durante a presentación das Xornadas

A Escola Universitaria de Enfermaría do Campus de Lugo organiza os vindeiros días 21, 22 e 23 unhas xornadas de debate e análise sobre a incorporación destes estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior. O programa das xornadas presentouse en roda de prensa este luns 19, nun acto ao que asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Colexio de Enfermaría, Miguel Fernández Méndez; e o director da Escola, José Luis Díaz López.
Carlos Herrero recordou que estas xornadas están consideradas de interese sanitario e que xa hai matriculadas máis de 200 persoas. Pola súa banda Miguel Fernández explicou que no programa tratouse de aunar dúas visións diferentes como son a da Escola de Enfermaría coa súa formación de pregrao e a do Colexio de Enfermeiros que traballa na formación continua dos seus membros. O director da Escola explicou que as conclusións que xurdan deste XII encontro se lle entregarán ás autoridades implicadas para que se teñan en conta.
As actividades, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria, van dirixidas a profesores da propia escola, enfermeiros asistenciais ou universitarios interesados. Entre os seus obxectivos atopanse proporcionar un foro de debate sobre a realidade dos estudos de enfermaría, compartir experiencias e analizar tendencias.
O programa comeza o mércores, día 21, co relatorio do catedrático de Antropoloxía Social da USC, Marcial Gondar Portosany, que falará sobre a cultura como factor terapéutico. A continuación a profesora da Universidade de Hertfordshire, no Reino Unido, Claire Goodman, analizará as vantaxes da prescrición de enfermaría. Este mesmo tema marcará a axenda prevista para o xoves 22, sesión que comezará ás 9:30 horas coa celebración dunha mesa redonda na que participarán especialistas como, Manuela Lacida Baro, Marisa Jiménez Ordoñez e Jonhatan Asbridge. O segundo debate do xoves servirá para intercambiar experiencias e nel, intervirán Rosa González-Gutiérrez Solana, Teresa Luís Rodrigo e María Aurora Pereira. Ese mesmo día pola tarde, o tema a tratar será o Espazo Europeo de Educación Superior e a situación dos estudos de Enfermaría, para o que se reunirán Ana María Giménez Maroto, Cristina Cuevas Santos, Miguel Zabalza Beraza e Monserrat Teixidor Freixa.
O venres 23 resérvase para recordar a historia do Hospital San Bartolomé de Lugo co relatorio da enfermeira María Jesús Regueiro Burgo e para debater sobre os ‘Coidados de enfermaría socio-sanitarios’. Ese mesmo día, pero en quenda de tarde, analizarase o futuro da profesión e como clausura das xornadas o director xeral do IMSERSO, Ángel Rodríguez Castedo, impartirá un relatorio sobre a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situacións de dependencia.

The contents of this page were updated on 03.19.2007.