Skip to main content
STG

A USC acolle as primeiras xornadas de voluntariado en saúde mental

Organizadas pola Asociación Itinera de voluntariado en Saúde Mental

A Asociación Itinera de voluntariado en Saúde Mental, en colaboración co Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, está a celebrar este venres 16 e o sábado 17 na Casa Jimena y Elisa Fernández de la Vega da universidade compostelá as ‘I Xornadas de Voluntariado en Saúde Mental’.
Destinadas a tratar a problemática social das persoas con trastornos mentais e especificamente a labor dos voluntarios neste eido, o seminario contará coa presenza do psiquiatra e o psicólogo da Unidade de Rehabilitación do Hospital Psiquiátrico de Conxo, Eduardo Paz e Carlos Álvarez, respectivamente. Asemade, tamén participarán nas xornadas a traballadora social do Centro Hospitalario Universitario de Santiago, Carme Viz, e o coordinador de voluntariado da Asociación Itinera, Carlos Martínez.
Os programas con voluntarios do hospital psiquiátrico de Conxo, ideados en 1993, contan dende 1996 coa colaboración do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. Así, o rexistro universitario de persoal voluntario facilita a posta en marcha de actividades educativas, recreativas e deportivas dirixidas a lograr unha maior socialización dos enfermos internados neste centro hospitalario santiagués. Deste xeito, a maior parte dos 400 voluntarios que formaron parte de esta iniciativa procederon da USC.
Asociación ItineraA asociación Itinera naceu no ano 2005 como resultado desta experiencia con voluntarios no centro de Conxo e coa pretensión de transcender do hospital para dar apoio ás persoas que sofren trastornos mentais severos e persistentes en toda a comunidade.
En xeral, esta entidade persegue favorecer un mellor funcionamento social, unha maior integración e participación social da persoas con enfermidades mentais graves e crónicas. Para conseguir este obxectivo, Itinera loita por diminuír as súas dificultades para adaptarse e a marxinación social.

The contents of this page were updated on 03.16.2007.