Skip to main content
STG

Aberto o prazo de inscrición na segunda fase do Europracticum III

Para que os titulados da USC realicen prácticas remuneradas en empresas europeas

O prazo de inscrición na segunda fase do proxecto Europracticum III, destinado a fomentar a experiencia laboral en empresas europeas entre os titulados da USC, xa está aberto. Enmarcado dentro dos programas de mobilidade Leonardo da Vinci da Comunidade Económica Europea, a iniciativa ofrece aos participantes a posibilidade de completar a súa formación con prácticas remuneradas, coñecendo novas formas de traballo nun ambiente multicultural á vez que mellora na súas competencias lingüísticas.
Os estudantes interesados poderán inscribirse por correo tradicional ou ben a través da páxina web do Consello Social da USC. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de abril. Para participar, os universitarios egresados deberán ter obtido a súa titulación entre xaneiro de 2002 e febreiro de 2007, non ter experiencia laboral relacionada coa súa titulación durante máis dun ano, coñecer un idioma do país de destino, saber de informática e non ter gozado doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci.
Axudas económicasAs bolsas Europracticum, das que un 30% son para estudantes que contactan eles mesmos coa empresa na que queren traballar, están dotadas con 2.559,55 euros, dos que 575 son para desprazamento e o resto para aloxamento e manutención. Ademais desta axuda económica, a Xunta de Galicia aboará, a partir da actual edición, preto de 600 euros aos bolseiros completen os seis meses do período de prácticas no estranxeiro.
Estas bolsas son incompatibles con outras axudas financiadas pola Comunidade Europea pero non coa remuneración voluntaria que puidera ofrecer a empresa. Os beneficiarios deste programa poderán desenvolver as prácticas en Alemaña, Austria, Bélxica, Grecia, Francia, Holanda, Reino Unido, Irlanda, Italia, Polonia e Portugal.

The contents of this page were updated on 03.16.2007.