Skip to main content
STG

A USC e a Deputación de Lugo asinan un convenio para construír un edificio que albergará servizos das titulacións de Obras Públicas e Topografía

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Francisco Cacharro Pardo asinaron este martes un convenio de colaboración para a construción dun edificio que albergará as titulacións de Enxeñaría Civil impartidas no Campus de Lugo.
Cada entidade aportará un 50% da financiamento necesaria, sendo a Deputación a que cede os terreos. O futuro edificio estará situado nas proximidades da Escola Politécnica Superior, entre a Avenida de Madrid e a rúa Pablo Iglesias, e albergará instalacións preparadas principalmente para laboratorios, seminarios e outros espazos dedicados á investigación para as titulacións de Obras Públicas e Topografía.
O reitor da USC sinalou que estas infraestruturas veñen a completar a oferta docente en Enxeñaría Civil que se abriu coa incorporación das titulacións de Enxeñaría de Obras Públicas na Especialidade de Transportes e na Enxeñaría de Topografía, das que saíron o ano pasado os primeiros titulados. Segundo Senén Barro este convenio é mostra da consolidación do Campus de Lugo que “só se consigue con traballo continuo”. Pola súa banda, o presidente da Deputación insistiu en que este novo edificio transformará a visión da cidade na súa entrada pola Avenida de Madrid aínda que “seguramente a construción non estará remata ata o curso académico 2008-2009.”
Segundo o convenio esta colaboración é posible porque ambos os dous organismos son conscientes da necesidade de desenvolvemento de infraestruturas que dote ao campus dunha docencia e investigación de calidade e consideran este edificio como un elemento clave no desenvolvemento deste sector.

The contents of this page were updated on 03.27.2007.