Skip to main content
STG

Relacións Laborais de Lugo organiza unhas xornadas sobre cuestións xurídico-laborais de actualidade

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo organiza para a vindeira semana unhas xornadas nas que se analizarán cuestións da actualidade xurídico-laboral. Os relatorios, coloquios e mesas redondas tratarán temas como os dereitos fundamentais dos traballadores, a normativa sobre o acoso laboral, a lei de traballo en igualdade das mulleres, o traballo autónomo ou o réxime especial dos empregados do fogar, entre outros.
O ciclo está dirixido pola directora da escola, Mercedes Montes, e a secretaria xeral do consello Galego de Relacións Laborais, María Luisa Peña Cebreiro e está dirixido aos alumnos das titulacións de Relacións Laborais, Dereito e Ciencias Políticas e da Administración, membros de organizacións sindicais e empresariais e, en xeral, profesionais vinculados coas materias a debate. Aos alumnos que asistan ás sesión validaráselles a participación no curso cun crédito de libre configuración.
A xornada do luns 23 comezará ás 10:00 horas co acto de inauguración no Salón de Actos da Escola ao que asistirán o Conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela, a vicerreitora adxunta de Xestión e Oferta Académica, Begoña Barreiro, e a directora do centro, entre outras autoridades. A continuación terá lugar a conferencia da profesora titular de Dereito de Traballo e Seguridade Social da USC, Lourdes Mella Méndez, quen falará sobre os contratos temporais, seguida polo catedrático de Dereito do Traballo, Jaime Cabeza Pereiro, que na súa intervención abordará a problemática da liberdade de expresión dos traballadores.
Ás 16:00 horas, reanudarase a sesión co relatorio do presidente da Sección 4ª da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Miguel Ángel Luelmo Millán, titulado ‘Normativa sobre acoso laboral e sexual e as achegas doutrinais e xurisprudenciais máis recentes ao seu tratamento xurídico’. Tras o coloquio sobre o tema será quenda da delegada provincial da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia na Coruña, María Debén Alfonso quen explicará a lei de traballo en igualdade das mulleres. Para rematar a primeira xornada, o maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Lousada Arochena, disertará sobre ‘Os dereitos fundamentais e as tecnoloxías da información e da comunicación’.
Nos coloquios e relatorios dos días 24 e 25 abordaranse temas como as enfermidades profesionais, a lei de traballo autónomo, a solución de conflitos laborais ou os efectos da inmigración no mercado laboral galego.

The contents of this page were updated on 04.20.2007.