Skip to main content
STG

A maior parte dos diplomados en Relacións Laborais da USC atopan traballo, segundo datos expostos nunhas xornadas na escola compostelá

Estudantes da Escola Universitaria de Relacións Laborais asistiron a unhas xornadas sobre as perspectivas profesionais desta titulación
Estudantes da Escola Universitaria de Relacións Laborais asistiron a unhas xornadas sobre as perspectivas profesionais desta titulación
O encontro 'As saídas e perspectivas profesionais no eido das relacións laborais' continuará o venres 20 cun taller de técnicas de emprego

As primeiras xornadas ‘As saídas e perspectivas profesionais no eido das relacións laborais’ inauguráronse este xoves coa conferencia do director da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Xavier Ferreira, quen subliñou que a maior parte dos titulados nesta diplomatura atopan traballo no seu. Coa finalidade de informar aos estudantes de Relacións Laborais sobre as saídas profesionais ás que poderán acceder, estas xornadas tamén serven para estudar os cambios da entrada desta titulación no Espazo Europeo de Educación Superior baixo a denominación Posgrao Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral.
A primeira xornada do encontro, organizado pola Universidade de Santiago en colaboración coa Consellaría de Traballo, continuou coa conferencia do coordinador dos SAEE, José Manuel González, quen falou sobre os recursos universitarios para o emprego. Deseguido, o profesor de Organización de Empresas e membro da Comisión Redactora do Libro Branco para a reforma do Título, Carlos Javier Álvarez, explicou a reforma da titulación de Relacións Laborais e as súas perspectivas de emprego.
Na sesión vespertina, o responsable da Asesoría Montenegro e diplomado en Relacións Laborais pola USC, Darío Montenegro, profundará sobre o exercicio profesional autónomo. Esta xornada pecha coa intervención do presidente do Colexio de Graduados Sociais de A Coruña e Ourense, Germán Prieto-Puga, quen informará sobre o exercicio da profesión de graduado social.
Sesión do venres 20A sesión deste venres, día 20, comezará ás 10:30 horas coa conferencia ‘As saídas profesionais na Administración Pública’ que pronunciará o profesor de Dereito Administrativo da USC, Marcos Almeida Cerreda. O encontro seguirá ás 12:30 horas cunha charla sobre os recursos humanos na empresa privada que dará a profesora de Organización de Empresa da USC, María Bastida Domínguez.
Xa pola tarde, e como clausura, a Escola Universitaria de Relacións Laborais acollerá un taller de técnicas de procura de emprego co que se pretende achegar aos seus participantes as ferramentas prácticas para o acceso ao mundo laboral.

The contents of this page were updated on 04.19.2007.