Skip to main content
STG

Proxéctase na residencia universitaria Monte da Condesa a curtametraxe 'As Farolas'

Nun café-coloquio posterior participará o director do filme, Abelardo Rendo

A segunda curtametraxe do director vedrense Abelardo Rendo, ‘As farolas’, proxectarase este martes, día 24, ás 22:30 horas na Residencia Universitaria Monte da Condesa. Tras a emisión da cinta terá lugar un café-coloquio ao que acudirán o propio director e máis a axudante de dirección Eliana Martíns no que os asistentes terán a oportunidade de coñecer como foi a realización do filme e cales son os proxectos nos que Rendo está a traballar.
Logo da realización da súa primeira curta ‘Non vou...!!’, Rendo presenta ao público compostelán a súa segunda obra, ‘As Farolas’. Rodada nos concellos de Vedra, Rois e Boqueixón en outubro de 2006, esta peza trata, en clave de humor, a incidencia do alumeado público na vida política e social nun concello rural galego, Revosende. Unha nova e ambiciosa xornalista tenta demostrar como o goberno do municipio se vale da concesión de farolas para acadar o voto dos veciños, co obxectivo de denunciar a corrupción e o clientelismo político. No seu traballo de investigación, entrevista aos veciños do lugar e non dubida, servíndose do engano, colocar unha cámara oculta na casa do concello para acadar a súa fin.
Na gravación desta curta, rodada a xeito de documental de ficción e producida por Senunpesoealoloco, colaboraron arredor de corenta amigos e coñecidos do propio director, a maioría alleos ao mundo do audiovisual pero dispostos a traballar de xeito profesional, aprender e gozar coa experiencia. Cun orzamento moi axustado e poucos recursos, ‘As Farolas’ é unha clara demostración de que para levar adiante un proxecto creativo basta con ter ideas e ilusión.
O reparto está constituído polos actores e actrices de Andaravía Teatro, compañía afeccionada integrada na Asociación Cultural Papaventos aos que se sumaron, por propia iniciativa e de xeito desinteresado, actores profesionais de recoñecido prestixio como Miguel de Lira, Luís Zahera, Pepe Penabade ou Comba Campoy.
A intención do director é que este traballo, que xa foi estreado en febreiro no concello de Rois, continúe o seu periplo por festivais, mostras, salas, etc. e chegue ao maior número de xente posible.

The contents of this page were updated on 04.23.2007.