Skip to main content
STG

A Escola de Administración e Dirección de Empresas de Lugo analiza nunha xornada as estratexias das empresas familiares

A Escola Universitaria de Dirección e Administración de Empresas do Campus de Lugo analizará este venres, día 27, no Pazo de Feiras e Exposicións, as posibles estratexias das empresas familiares no mercado global, nunha xornada organizada pola Cátedra da Empresa Familiar da USC coa colaboración da Fundación CEL. O curso está dirixido aos alumnos da materia de libre elección ‘Dirección de Empresas Familiares’ e pretende abordar as características propias da xestión neste tipo de empresas e os seus elementos diferenciadores.
A xornada comezará cun acto de presentación ás 11:30 horas que correrá a cargo do presidente da Fundación CEL e profesor asociado da USC, Guillermo Sánchez Vilariño, acompañado polo director da Cátedra da Empresa Familiar José A. Díez de Castro. Deseguido, Sánchez Vilariño impartirá un relatorio sobre o apoio aos emprendedores desde o viveiro de empresas e o catedrático de Organización de Empresas da Universidade Rey Don Juan Carlos de Madrid, Camilo Prado Freire, falará sobre as estratexias das empresas familiares nun mercado global. A continuación os asistentes visitarán o Viveiro de Empresas da Fundación CEL.

The contents of this page were updated on 04.26.2007.