Skip to main content
STG

Comezaron na Facultade de Ciencias Políticas as III Xornadas 'Mulleres, institucións e política'

Comezaron na Facultade de Ciencias Políticas as III Xornadas ‘Mulleres, institucións e política'
Comezaron na Facultade de Ciencias Políticas as III Xornadas ‘Mulleres, institucións e política'

A terceira edición das Xornadas ‘Mulleres, institucións e política’ comezaron este mércores 25 na Facultade de Ciencias Políticas da USC onde ao longo de tres días, ata o venres 27, daranse a coñecer os avances que se están a levar a cabo nas políticas de igualdade de xénero nos ámbitos galego, español, europeo e iberoamericano e debateranse cuestións referentes á presenza das mulleres nas diversas institucións políticas.
A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán, foi a encargada de inaugurar estas xornadas nunha sesión na que tamén interviron a vicerreitora de Calidade e Planificación, Mª Paz García Rubio; a decana da Facultade de Ciencias Políticas, Nieves Lagares; e a coordinada do encontro, Marta Lois González. No encontro participan tanto representantes do ámbito académico europeo e latinoamericanos como mulleres que desempeñan postos de responsabilidade nos partidos políticos e na administración pública.
Na primeira sesión destas xornadas interveu a profesora da Universidade Diego Portales de Chile, Ángeles Fernández, cun relatorio no que analizou ‘A paridade e a ampliación da representación política feminina: o caso de Chile’, á que lle seguiu unha mesa redonda na que expertas e representantes das principais asociacións de mulleres e sindicatos debateron sobre as desigualdades de xénero no uso do tempo.
A primeira sesión do programa previsto para o xoves 26 comezará ás 9:30 horas co relatorio de Marta Lois e Isabel Diz titulado ‘Gobernos, Parlamentos e partidos políticos: unha análise das Comunidades Autónomas’. Deseguido, a profesora da Universidade de Sussex, Tania Verge, falará sobre ‘Da cota á democracia paritaria: estratexias partidistas e representación política das mulleres en España’. Completando a sesión matinal, representantes dos principais partidos políticos debaterán nunha mesa redonda sobre ‘Partidos políticos e representación política proporcionada entre mulleres e homes’.
A sesión da tarde, a partir das 17:00 horas, afondará no reto da reconciliación de xéneros en Europa a través do relatorio que presentará a profesora da Universidade de Loughborough, Mónica Threlfall, titulado ‘Os problemas da conciliación entre vida familiar e laboral en Europa’.
Estas xornadas están coordinadas polo equipo de investigación Muller e Política do Departamento de Ciencias Política co financiamento da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto da Muller.

The contents of this page were updated on 04.25.2007.