A profesora María Teresa Cancelo Márquez tomou posesión do seu cargo como decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A nova decana fixo un percorrido polas particularidades dun centro con 40 anos de existencia e máis de 3.000 alumnos, o que representa unha importante porcentaxe do estudantado total da USC. A súa liña de traballo para os próximos catro anos céntrase na posta en marcha dos novos títulos de grao e posgrao enmarcados no Espazo Europeo de Educación Superior. Para conseguir este obxectivo, o novo equipo pretende constituír comités específicos, participar nos grupos de traballo da Conferencia de Decanos, formar ao profesorado, mellorar a calidade da formación e preparar as acreditacións dos títulos que están a impartir na actualidade.
Completando a súa intervención, a profesora Cancelo apostou por establecer e alimentar cauces de comunicación fluídos así como traballar para que se recoñeza o peso específico da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no conxunto da USC.
A este respecto, o reitor compostelán subliñou que os centros da USC están chamados a asumir a responsabilidade de liderar nos seus respectivos ámbitos o Sistema Universitaria Galego. Senén Barro referiuse tamén ao feito de que a profesora Cancelo se converta na primeira muller que ocupa o decanato desta Facultade compostelá nos seus 40 anos de historia. Para rematar, o reitor puxo de manifesto a colaboración constante e comprometida do Consello de Dirección co novo equipo decanal.
Proceso electoralMaría Teresa Cancelo resultou elixida nova decana deste centro compostelán con 55 votos a favor, 51 en contra e un en branco. O resto do equipo decanal estará composto pola profesora Pilar Díaz Vázquez como vicedecana de Asuntos Económicos, polo docente Alejandro Ballesteros Ron como vicedecano de Relacións Exteriores e Intercambios, por Sergio Portas como vicedecano de Alumnos, e a profesora Mercedes Tato Rodríguez como secretaria.
Nun proceso electoral no que tamén participou a profesora María Luisa del Río, a nova decana, profesora do Departamento de Economía Cuantitativa, é a primeira muller que ocupa este posto na Facultade de Económicas substituíndo ao profesor Manuel Jaime Barreiro Gil, con quen foi vicedecana de Organización Académica.
María Teresa CanceloCon anterioridade a ocupar o decanato desta Facultade, María Teresa Cancelo foi vicedecana de Asuntos Académicos nos períodos 1999-2001 e 2004-2007 así como responsable de Calidade do centro. Directora da Residencia Universitaria Monte da Condesa entre 1994 e 1995, participou na elaboración do plan estratéxico da USC e foi presidenta dos Comités de Avaliación das titulacións de Economía e Administración e Dirección de Empresas así como representantes da USC no Comité da Conferencia de Decanos das Facultades de Económicas e Empresariais que elaborou o Libro Branco destas titulacións.
O seu labor docente comprende distintas materias de econometría, teórica e aplicada, nas licenciaturas de Economía e de Administración e Dirección de Empresas, así como en programas de doutoramento e posgrao, onde tamén impartiu cursos sobre economía europea e concorrencia industrial.