Un estudante de Relacións Laborais da USC acadou o primeiro posto do Campionato Galego Universitario de Atletismo en Ruta
O atleta do Club Deportivo Universidade de Santiago e estudante de Relacións Laborais, Francisco Sánchez, acadou o primeiro posto na clasificación individual masculina do Campionato Galego Universitario de Atletismo en Ruta. Na mesma competición, os atletas Pablo Carrera, da Universidade de Vigo, e Juan Luis Trillo da institución académica coruñesa ocuparon o segundo e terceiro lugar, respectivamente.
No caso clasificación individual feminina, Andrea Michele, Mónica Incera e Carlota Veira, todas elas pertencentes á universidade olívica, acadaron os tres primeiros postos respectivamente.
Nesta edición do campionato galego de atletismo en ruta diferenciouse a competición universitaria da popular na que participaron membros da sociedade en xeral. En total, competiron preto de 350 deportistas federados e afeccionados, de entre os que 82 atletas eran estudantes, docentes e PAS das tres universidades galegas.