Skip to main content
STG

O Cetur analiza este xoves nun seminario os retos fronte aos novos mercados turísticos alemán e austríaco

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da Universidade de Santiago de Compostela (Cetur) organiza este xoves 31 un novo seminario no que se analizarán os retos fronte aos novos mercados turísticos de Alemaña e Austria. O curso, que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos, inaugurarase ás 9:30 horas nun acto no que participarán o director do Cetur, Xosé Santos Solla, e o concelleiro de Turismo do Concello de Santiago, Francisco Candela.
A sesión matinal dedicarase ao mercado turístico alemán. O director comercial para España e Portugal de Air Berlín, Pablo Caspers, falará das expectativas e desenvolvemento do mercado galego en Alemaña, mentres que o director da Oficina Española de Turismo en Frankfurt Horacio Díaz del Barco, expliacrá o mercado alemán e o seu potencial para Galicia. Deseguido, o director internacional de estratexias de Turismo de Cataluña, Claes Ackerblom, abordará os esforzos promocionais desa comunidade en Alemaña. Xa na sesión da tarde, a partir das 16:00 horas, o director da Oficina Española de Turismo en Viena, Félix de Paz, explicará o mercado austríaco en España.
O seminario rematará co desenvolvemento, ás 17:30 horas, dunha mesa redonda sobre os novos retos turísticos nos dous países europeos na que participarán a xefa da área de Promoción Turismo de Santiago, Flavia Ramil Millarengo; o xefe da área de Congresos de Turgalicia SA, José Ramón Castiñeiras; e o director xerente de Viajes Orbis, Manuel López Aneiros.

The contents of this page were updated on 05.30.2007.