Dous deportistas do Club Deportivo Universidade de Santiago ocupan os primeiros postos no Campionato de España de Orientación
Os deportistas do Club Deportivo Universidade de Santiago Maribel Fraga e Xoel Chamorro conseguiron no Campionato de España de Orientación 2007 os primeiros postos en distancia media da categoría 35 para mulleres e nas carreiras de distancia longa e media da categoría 20-B para homes. A competición, que se celebrou do 5 ao 8 de abril no municipio Buitrago de Lozoya situado en Madrid, contou coa participación dun total de 8 representantes do Club Deportivo Universidade de Santiago e representantes da selección da USC no Campionato Universitario de España de Orientación en 2007.
Asemade, a PAS da Universidade de Santiago Maribel Fraga tamén conseguiu o segundo posto en distancia longa da categoría 35 para mulleres, na que recorreu en 1 hora e 6 minutos un total de 5,4 quilómetros con 14 puntos de control. A distancia media da categoría feminina, onde chegou primeira a meta en 33 minutos e 51 segundos, conta cun recorrido de 3,2 quilómetros e 15 balizas de paso.
Pola súa banda, Xoel Chamorro, que chegou primeiro a meta en dúas ocasións, correu na distancia longa da categoría 20-B en 52 minutos e 40 segundos un total de 5,3 quilómetros e 14 puntos de control e na media 2,9 quilómetros con 16 balizas de paso en 25 minutos e 11 segundos.